Blogia
ceipnsremedios

MALTRATO ENTRE IGUAIS: MATERIAIS PARA AS FAMILIAS

Neste artigo achegamos un resumo dun material elaborado pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia sobre o maltrato entre iguais.

Maltrato entre iguais

(Programa de sensibilización sobre o maltrato entre iguais)

 

(Resumo do programa elaborado pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia)

Material das familias


MALTRATO ENTRE IGUAIS

 

As relacións entre iguais

 

A diferenza das relacións que os rapaces e rapazas manteñen coas persoas adultas, as relacións entre eles teñen un carácter non xerárquico, de aí a consideración de relacións "entre iguais". Estas relacións facilitan a aprendizaxe dun amplo abano de habilidades e actitudes persoais e sociais e contribúen ao desenvolvemento emocional e cognitivo.

 

A familia na casa e o profesorado na escola teñen un papel decisivo no establecemento das boas ou malas pautas de relación dos rapaces e rapazas.

 

Hai situacións dentro das relacións entre iguais nas que se produce o maltrato entre iguais, que é do imos falar nas seguintes páxinas.

 

¿Que é o maltrato entre iguais?

 

O maltrato entre iguais consiste en que un alumno, unha alumna ou un grupo deles ataca, amola, molesta ... a outro compañeiro ou compañeira unha e outra vez, de maneira reiterada, durante un tempo prolongado, con intención consciente de causarlle dano ou medo, aproveitándose do desequilibrio de forza entre eles e tratando de que as persoas que poden axudar á vítima non se dean de conta. A vítima non adoita provocar, e non pode ou non sabe defenderse.

 

Maltrato é ...

 

       Cando un rapaz ou rapaza se mete habitualmente con outro insultándoo, burlándose, poñéndolle alcumes.

 

       Cando un grupo de alumnos/as lles din aos demais que non falen con outro rapaz  ou rapaz para que non teña amizades.

 

       Cando nos cambios de clase, nos servizos, no autobús ... hai un neno/a que "tropeza" sempre co mesmo compañeiro/a, lle atranca o paso cunha perna, poñendo o brazo ...

 

       Cando alguén abusa da súa forza, e atemoriza a un/unha ou máis compañeiros/as, ameazándoos se non fan o que quere: darlle o bocadillo, facerlles os deberes, deixarllos copiar ...

 

       Cando un grupo de nenos/as espera premeditadamente na saída da escola a alguén para abusar del.

 

Maltrato non é ...

 

       Insultar ocasionalmente no medio dunha rifa.

 

       Estar un día enfadado/a cun amigo/a ou con varios.

 

       Tropezar sen querer e berrar: ¡Aparta!"

 

       Copiar nos exames, alterar as clases con intervencións inadecuadas ...

 

       Enfrontamentos entre dúas pandas nunha cidade, ou de dúas aldeas ou parroquias achegadas.

 

Formas de maltrato entre iguais:

 

       Físico:

o        Directo: empurróns, patadas, puñazos, agresións con obxectos ...

o        Indirecto: agachar cousas, cambiar de sitio, roubarlle cousas á vítima ..

 

 

       Verbal:

o        Directo: vocear, burlarse, insultar, poñer alcumes ...

o        Indirecto: falar mal ás súas costas, facer que escoite de "casualidade", mensaxes ao móbil ...

 

       Relacional:

o        Directo: exclusión deliberada de actividades, impedir a súa participación...

o        Indirecto: deixar a vítima soa no patio, facer parellas ou grupos na clase sen contar con esa persoa...

 

O aspecto relacional está en todas as formas de maltrato.

 

 


¿Como recoñecer se un fillo ou filla ...

 

... está sendo unha persoa maltratada?

 

Non é doado sabelo, pero hai unha serie de signos físicos, emocionais, psicolóxicos e de conduta que indican a existencia dun posible maltrato, sobre todo, se sedan varios ao mesmo tempo:

 

       ¿Comenta que recibe insultos ou burlas no colexio ou que falan mal del ou dela?

 

       ¿Chega á casa coa roupa, cos libros ou con outra pertenza estragados ou rotos?

 

       ¿"Perde" con frecuencia obxectos persoais ou diñeiro?

 

       ¿Mostra sinais externos de golpes, rabuños, mazaduras ou feridas?

 

       ¿Comeza a non querer ir ao colexio ou ao instituto? ¿Pon desculpas (dor de cabeza, de estómago, vómitos) para non asistir ás clases ou cando está nelas reclama que o vaian recoller?

 

       ¿Non ten ganas de comer?

 

       ¿Cambia de percorrido para ir ao centro escolar ou o de volta á casa?

 

       ¿Evita ir a determinados lugares?

 

       ¿Ten cambios nos patróns de sono?¿Empeza a durmir mal ou a ter pesadelos?

 

       ¿Denota, a miúdo, un aspecto triste e infeliz?¿Cambia repentinamente de humor?

 

       ¿Está baixando visiblemente o seu rendemento escolar?

 

       ¿Manifesta unha alta ansiedade e inseguridade?

 

       ¿Cústalle relacionarse con outras persoas?¿Está perdendo amigos/as?¿Estase quedando só ou soa?

 

       ¿Comeza a agredir ou a ameazar aos seus irmáns ou ás súas irmás ou a outras persoas?

 

Se acontece isto, o voso fillo ou filla necesita axuda.  Debedes escoitalo para solucionar o problema o máis rápido posible.

 

¿Como recoñecer se un fillo ou filla ...

 

... é quen maltrata?

 

Para ver se este é o caso, debedes estar atentos aos seguintes signos:

 

       ¿É unha persoa agresiva?¿ë dominante e prepotente?¿Intimida ou maltrata os seus irmáns ou irmás e os seus amigos ou amigas?

 

       ¿Quere levar sempre razón?¿Impón frecuentemente as súas ideas pola forza?

 

       ¿Non respecta as demais persoas?¿Utiliza con asiduidade insultos ou descualificacións?

 

       ¿Ten ataques incontrolados de ira?¿Non soporta contrariedades?¿Reacciona violentamente cando non consegue o que quere?

 

       ¿Nunca se pon no lugar doutras persoas?

 

       ¿Utiliza a intimidación e a violencia para acadar a lealdade dos seus compañeiros ou compañeiras?

 

       ¿Ten dificultades para comunicar os seus sentimentos e afectos?

 

       ¿Gábase das súas actuacións violentas e xustifícaas sempre? ¿Nunca sente remordementos?

 

Si observades este tipo de actitudes tedes que falar con el ou con ela e axudarlle a saír desta situación.

 

¿Como recoñecer se un fillo ou filla ...

 

... forma parte das persoas espectadoras do maltrato?

 

Moitas veces o voso fillo ou a vosa filla participa pasivamente nunha situación de maltrato. ¿Como podedes recoñecer se está nestas circunstancias?

 

       ¿É unha persoa facilmente influenciable e manexable?

 

       ¿Réstalle importancia ás situacións de maltrato de compañeiros ou compañeiras?

 

       ¿Non é solidario ou solidaria coas persoas maltratadas e non lles presta axuda?

 

       ¿Ponse algunha vez no lugar das vítimas?

 

       ¿Non alerta dos casos de maltrato que presenza na escola porque pensa que é chivar?

 

Cando se dean estas circunstancias, debedes axudarlle a recoñecer que é unha persoa espectadora do maltrato e que está asistindo de xeito pasivo a situacións de inxustiza.

 

¿Como actuar en cada caso?

 

Coas persoas maltratadas:

 

Se sospeitades que o voso fillo ou a vosa filla está padecendo unha situación de maltrato, debedes ter calma e preguntarlle directamente sobre o que lle está sucedendo.

 

¿Que se debe facer?

 

       Axudarlle a que se tranquilice e darlle apoio e confianza.

 

       Preguntarlle onde se produce habitualmente o maltrato, quen está implicado, quen o viu, como actuou, se llo contou a alguén.

 

       Planificar conxuntamente estratexias para acabar con esta situación, por exemplo:

 

o        Instalo a que esquive o contacto coas persoas agresoras.

 

o        Que busque protección no círculo de amizades.

 

o        Que evite os lugares nos que se pode producir o maltrato.

 

       Axudarlle emocionalmente, facerlle ver que non ten culpa. Posiblemente estea nunha situación de pánico e non debe actuar arriscadamente nin de xeito violento.

 

       Dialogar constantemente con el ou con ela e procurar que teña máis seguridade e aumente a súa autoestima.

 

       Non hai que identificarse co sentimento de vitimización, é dicir, que o voso fillo ou filla poida pensar que tedes medo e preferides calar.

 

       Facerlle ver que, para solucionar o conflito, é necesario pedir axuda. Non pode continuar sufrindo en silencio.

 

       Unha vez vista a importancia e a gravidade do problema, informar ó centro e, en especial, ó titor ou titora da situación que se está producindo. Seguro que intentarán poñer remedio con medidas de acción positivas.

 

Non debedes utilizar a intimidación contra os maltratadores/as. Mantede un contacto estreito e continuado co centro escolar, levade un seguimento da situación e participade activamente na intervención que se planifique.

 

Coas persoas maltratadoras:

 

¿Que se debe facer?

 

       Mostrarlle que estades en contra do seu comportamento, pedirlle que abandone a súa conduta e que se poña no lugar da vítima. Estalle facendo dano e o abuso tampouco lle permite ser feliz.

 

       Ofrecerlle o voso apoio e a vosa confianza par que intente saír desta situación. Entender o por que dos seus comportamentos non é xustificalos.

 

       Preguntarlle onde se produce habitualmente o maltrato, cando ocorre, con que frecuencia, quen está implicado.

 

       Solicitarlle que rompa os seus vínculos con aquelas persoas que participan tamén en situacións de maltrato contra os semellantes.

 

       Establecer co voso fillo ou filla as correccións derivadas da súa conduta. Ensinarlle a asumir as súas responsabilidades. Recompensalo se vai cambiando de actitude.

 

       Unha vez valorada a importancia e a gravidade do problema, debedes informar ó titor ou titora da situación na que está o voso fillo ou filla. Debedes demandar axuda e consello.

 

       Manter un contacto estreito e continuado co centro escolar e participar activamente nas intervencións que se planifiquen.

 

Para evitar as condutas agresivas, debedes ter en conta que a familia proporciona os primeiros modelos de comportamento e é decisiva na aprendizaxe e no desenvolvemento de formas axeitadas de relación interpersoal. Por iso, debedes coidar o exemplo de relación familiar que estades a dar.

 

Coas persoas que son testemuñas:

 

¿Que se debe facer?

 

       Intentar, mediante o diálogo, que comprenda que o seu comportamento non é solidario; que sempre hai que axudar as persoas máis débiles.

 

       Pedirlle que abandone a súa conduta e que se poña no lugar da vítima.

 

       Instalo a que non cale e non ignore os efectos que produce a violencia exercida por alguén sobre outra persoa.

 

       Facerlle entender que, aínda que non participe directamente dos actos da agresión, está implicado moralmente, porque colabora a que eses feitos se sigan producindo.

 

       Axudarlle a contar os feitos ao profesorado do centro escolar. Isto non é "chivarse". Non pode existir, nestes casos, unha lei do silencio.

 


Para pensar

 

Dez ideas falsas sobre o maltrato:

 

1. Só son bromas, cousas de nenos e nenas, é mellor non meterse.

 

2. A vítima búscao, meréceo.

 

3. O maltrato forma parte do crecemento e imprime carácter.

 

4. A mellor maneira de defenderse é devolvela.

 

5. O maltrato é cousa de rapaces.

 

6. Só agriden as persoas que teñen problemas familiares ou que viven en ambientes marxinais.

 

7. As vítimas son persoas febles e débiles.

 

8. Cando dous pelexan máis vale non meterse e manterse nunha posición neutral.

 

9. As vítimas son persoas covardes.

 

10. Só a vítima precisa axuda.

 

                               (Adaptado de Collel e Escudé)


Algúns consellos para contribuír a educar fillos e fillas con personalidade equilibrada:

 

       Implicarse na súa educación, proporcionándolles modelos positivos: as persoas adultas somos espellos nos que se mira a rapazada.

 

       Falar cada día coas vosas fillas e fillos: o diálogo é a mellor forma de resolver as diferenzas e de afrontar os conflitos, tanto no ámbito familiar como fóra del.

 

       Darlles a oportunidade de construír novas amizades.

 

       Axudarlles a facer fronte aos problemas: é necesario ir incrementando de forma gradual a súa autonomía, a medida que se vai comprobando que son capaces de exercela correctamente.

 

       Ensinarlles a protexerse.

 

       Fomentar hábitos saudables: de hixiene, de sono, de alimentación equilibrada, de actividade física regular. Favorecer que teñan algunha  afección.

 

       Controlar o tempo libre e de lecer:  hai que vixiar que fan co seu tempo libre e de lecer, os contidos dos videoxogos e programas de televisión, o uso que fan de Internet...

 

       Definir unhas normas claras: poucas, as imprescindibles. Facelas cumprir. Explicar claramente o que está permitido e o que non, dando os argumentos necesarios.

 

       Implicarse na súa educación escolar: manter contactos regulares coa escola, asistir ás reunións que se convoquen, apoiar o centro e o profesorado.

 

       Adestrar a educación da vontade, potenciando valores como o tesón, o empeño, a firmeza e a disciplina persoal, como medios para conseguir o que nos propoñemos.

 

En suma, educar en valores de respecto e tolerancia: coidar o crecemento emocional para axudarlles a empatizar cos sentimentos dos demais. Educar para a tolerancia, adoptando un forte compromiso ante as condutas violentas, racistas, xenófobas, homófobas ou calquera outra discriminación que afecte á dignidade das persoas, e potenciar os valores positivos: a xustiza, a igualdade e a solidariedade entre as persoas.

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres
¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres

0 comentarios

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres