Blogia
ceipnsremedios

MALTRATO ENTRE IGUAIS: MATERIAIS PARA O ALUMNADO

Neste artigo imos expoñer un resumo dun material elaborado pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia sobre o maltrato entre iguais.

Non fagas trato co maltrato

(Programa de sensibilización sobre o maltrato entre iguais)

 

(Resumo do programa elaborado pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia)

Material do alumnado

NON FAGAS TRATO CO MALTRATO

 

As relacións entre iguais

 

As relacións entre iguais son as que se establecen coas persoas da mesma aula, do mesmo centro e de idades similares. Non sempre son doadas. Ás veces, podes sentirte intimidado ou maltratado por algunha persoa coa que convives na aula, no centro ou en calquera outro lugar.

 

¿Que é maltratar?

 

O maltrato entre iguais consiste en que un alumno, unha alumna ou un grupo deles ataca, amola, molesta ... a outro compañeiro ou compañeira unha e outra vez, de maneira reiterada, durante un tempo prolongado, con intención consciente de causarlle dano ou medo, aproveitándose do desequilibrio de forza entre eles e tratando de que as persoas que poden axudar á vítima non se dean de conta. A vítima non adoita provocar, e non pode ou non sabe defenderse.

 

Formas de maltrato entre iguais:

 

       Físico:

o        Directo: empurróns, patadas, puñazos, agresións con obxectos ...

o        Indirecto: agachar cousas, cambiar de sitio, roubarlle cousas á vítima ..

 

       Verbal:

o        Directo: vocear, burlarse, insultar, poñer alcumes ...

o        Indirecto: falar mal ás súas costas, facer que escoite de "casualidade", mensaxes ao móbil ...

 

       Relacional:

o        Directo: exclusión deliberada de actividades, impedir a súa participación...

o        Indirecto: deixar a vítima soa no patio, facer parellas ou grupos na clase sen contar con esa persoa...

 

Maltrato é ...

 

       Cando un rapaz ou rapaza se mete habitualmente con outro insultándoo, burlándose, poñéndolle alcumes.

 

       Cando un grupo de alumnos/as lles din aos demais que non falen con outro rapaz  ou rapaz para que non teña amizades.

 

       Cando nos cambios de clase, nos servizos, no autobús ... hai un neno/a que "tropeza" sempre co mesmo compañeiro/a, lle atranca o paso cunha perna, poñendo o brazo ...

 

       Cando alguén abusa da súa forza, e atemoriza a un/unha ou máis compañeiros/as, ameazándoos se non fan o que quere: darlle o bocadillo, facerlles os deberes, deixarllos copiar ...

 

       Cando un grupo de nenos/as espera premeditadamente na saída da escola a alguén para abusar del.

 

Maltrato non é ...

 

       Insultar ocasionalmente no medio dunha rifa.

 

       Estar un día enfadado/a cun amigo/a ou con varios.

 

       Tropezar sen querer e berrar: ¡Aparta!"

 

       Copiar nos exames, alterar as clases con intervencións inadecuadas ...

 

       Enfrontamentos entre dúas pandas nunha cidade, ou de dúas aldeas ou parroquias achegadas.

 

¿Como recoñecer ... se estás sendo unha persoa maltratada?

 

Es unha persoa maltratada se as mesmas persoas che fan algunhas destas cousas de xeito repetido:

 

       Insúltante ou búrlanse constantemente de ti.

 

       Falan mal de ti ou difunden rumores falsos sobre a túa persoa.

 

       Empúrrante, péganche ou ameázante fisicamente.

 

       Escóndenche, rómpenche ou róubanche cousas de forma continuada.

 

       Ignórante ou desprézante.

 

       Rexéitante en calquera circunstancia e por calquera motivo.

 

       Non te deixan participar nas actividades do grupo.

 

       Obrígante a facer cousas que non queres.

 

       Acósante sexualmente.

 

Pide axuda para afrontar esta situación e saír dela.

 

¿Como recoñecer ... se es ti a persoa que maltrata?

 

Debes darte conta axiña do que estás a facer e poñer os medios para cambiar as túas actitudes. As relacións interpersoais que establezas deben ter un carácter de igualdade.

 

Es unha persoa que maltrata cando con frecuencia:

 

       Insultas, falas mal e difundes rumores falsos dos teus compañeiros ou compañeiras.

 

       Te identificas con situacións de intimidación e violencia cara ás demais persoas.

 

       Estás meténdote de forma continuada cos teus compañeiros e compañeiras e actúas ordinariamente con violencia nas túas relacións cos demais.

 

       Molestas e incomodas a aquelas persoas que teñen algunha particularidade ou unha aparencia física diferenciada.

 

       Obrigas aos demais a facer cousas que non queren.

 

       Rexeitas ou non deixas participar a outras persoas en actividades do grupo.

 

       Gozas coa intimidación e co maltrato ás outras persoas.

 

       Acosas sexualmente.

 

As relacións cos iguais teñen que estar presididas polo respecto mutuo. Se es unha persoa que maltrata, tes que cambiar polo ben teu e polo ben dos demais.

 


¿Como recoñecer ... se es ti a persoa espectadora do maltrato?

 

Ti es unha persoa espectadora do maltrato cando, con frecuencia:

 

       Asistes a un acto de intimidación e non fas nada para evitalo.

 

       Non recoñeces que o que lle están facendo á vítima non está ben e pensas que ten merecido o que lle pasa.

 

       Tes medo a actuar na defensa da persoa maltratada. Cres que mentres se metan con ela non se meterán contigo.

 

       Incluso chegas a participar ou animar na situación de abuso con risas, xestos, ...

 

Se é así, colaboras indirectamente na situación de maltrato. Sé valente. Recoñece que es unha persoa espectadora e que non estar a actuar axeitadamente. Racha con esa situación e axuda.

 

Aprende a protexerte:

 

Debes esforzarte en aprender toda unha serie de habilidades e estratexias que che sirvan para relacionarte cos demais de forma non violenta.

               

Recomendacións a seguir:

 

Desenvolve habilidades sociais:

 

       Exprésalles os teus sentimentos e emocións ás túas amizades, familia, profesorado ou ás persoas da túa confianza.

 

       Mantén un bo nivel de comunicación cos demais.

 

       Analiza como se senten outras persoas cando están tristes ou teñen algún problema. Ponte no seu lugar.

 

       Colabora na resolución de conflitos.

 

Practica os valores positivos:

 

       Sé dialogante.

       Respecta as normas.

       Sé tolerante.

       Practica a solidariedade.

       Sé xusto na valoración dos feitos que observes.

 

Fomenta a auto protección:

 

       Afronta positivamente as situacións que che provocan unha certa tensión.

       Aprende a dicir que non canto esteas convencido da túa postura, así como a xustificar a túa opinión.

       Practica a convivencia pacífica.

 

Atrévete a denunciar o maltrato

 

Diferenza entre segredos bos e segredos malos

 

Hai segredos que non debemos gardar, son malos segredos, poden prexudicar a alguén.

 

Que é ser unha persoa "chivata"

 

Contar un segredo malo, como denunciar unha situación de maltrato oculto, non está a ser un "chivato". Ó maltratador/a interésalle que se manteña a "lei do silencio".

 

¿Que ocorre se alguén coñece un mal segredo e non llo conta a ninguén?

 

       Que a persoa maltratada non pode recibir axuda.

       Que está a ser cómplice dunha agresión.

       Que, como a persoa agresora ve que o seu maltrato queda impune, pode repetilo con máis compañeiros ou compañeiras.

 

Cando alguén se atreve a denunciar unha situación de maltrato oculto, a contarlle a algunha persoa adulta da súa confianza o que lle ocorre, non está a ser un "chivato":

 

       Está sendo moi valente e responsable, porque coa súa denuncia evita que se continúe a facer.

       Actúa con compañeirismo e defende os dereitos fundamentais das persoas.

       Axuda a mellorar a convivencia, porque as persoas adultas poden intervir para solucionar o maltrato.

       E beneficia á persoa que agride, porque está nunha situación prexudicial para ela mesma e necesita axuda para cambiar.

 

Por todas estas razóns, se es vítima dun maltrato ou tes algún compañeiro ou compañeira que o está a padecer NON O SILENCIES, non sexas cómplice. Non o ignores, ti podes axudar.

 

Habilidades de busca de axuda

 

É comprensible que teñas medo do que che poida ocorrer se denuncias un maltrato que estás a padecer ou que observas. Actúa con prudencia.

 

No caso de que ti sexas a vítima, non cargues con todo ese peso: fala, busca axuda, non sufras en silencio. Recoñece e expresa o que estás a sentir: teño medo, teño vergoña ...

 

Fuxe das situacións ou lugares onde habitualmente se produce o maltrato e non respondas ás agresións.

 

Podes falar primeiro con compañeiras/os que te entendan ben, sempre que teñas todas as garantías de confidencialidade, pero logo tes que falar cunha persoa adulta da túa confianza. Ela saberá o que hai que facer.

 

Se non te atreveses a falar ti directamente do que che pasa, busca a alguén que o poida facer por ti.

 

Se ti es a persoa que maltrata, debes saber que tes un grave problema e que precisas axuda. Búscaa nalgunha persoa adulta que cha poida proporcionar (profesorado, departamento de orientación ...). Ó mesmo tempo, ponte no lugar da persoa á que maltratas. Coa túa actitude podes ser unha persoa temida, pero non querida. Aprende a relaxarte.

 

Se ti es a persoa espectadora do maltrato e estimas que o caso é leve podes usar estas estratexias.

       Fala coa vítima e móstralle o teu apoio e comprensión.

       Comparte con outras espectadoras ou espectadores do maltrato estratexias de axuda á vítima.

       Fala coa persoa agresora e coméntalle que se está "pasando" e que sería bo que se puxera no lugar da vítima antes de continuar.

Se che parece que é un maltrato grave:

 

       Ten coidado, non te metas en pelexas.

       Fala, o antes que poidas, cunha persoa adulta.

       Apoia á vítima.

 

TRATA SEMPRE ÁS COMPAÑEIRAS E COMPAÑEIROS COMO CHE GUSTARÍA QUE TE TRATASEN A TI.

0 comentarios