Blogia
ceipnsremedios

ORIENTACION

MALTRATO ENTRE IGUAIS: MATERIAIS PARA O ALUMNADO

Neste artigo imos expoñer un resumo dun material elaborado pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia sobre o maltrato entre iguais.

Non fagas trato co maltrato

(Programa de sensibilización sobre o maltrato entre iguais)

 

(Resumo do programa elaborado pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia)

Material do alumnado

NON FAGAS TRATO CO MALTRATO

 

As relacións entre iguais

 

As relacións entre iguais son as que se establecen coas persoas da mesma aula, do mesmo centro e de idades similares. Non sempre son doadas. Ás veces, podes sentirte intimidado ou maltratado por algunha persoa coa que convives na aula, no centro ou en calquera outro lugar.

 

¿Que é maltratar?

 

O maltrato entre iguais consiste en que un alumno, unha alumna ou un grupo deles ataca, amola, molesta ... a outro compañeiro ou compañeira unha e outra vez, de maneira reiterada, durante un tempo prolongado, con intención consciente de causarlle dano ou medo, aproveitándose do desequilibrio de forza entre eles e tratando de que as persoas que poden axudar á vítima non se dean de conta. A vítima non adoita provocar, e non pode ou non sabe defenderse.

 

Formas de maltrato entre iguais:

 

       Físico:

o        Directo: empurróns, patadas, puñazos, agresións con obxectos ...

o        Indirecto: agachar cousas, cambiar de sitio, roubarlle cousas á vítima ..

 

       Verbal:

o        Directo: vocear, burlarse, insultar, poñer alcumes ...

o        Indirecto: falar mal ás súas costas, facer que escoite de "casualidade", mensaxes ao móbil ...

 

       Relacional:

o        Directo: exclusión deliberada de actividades, impedir a súa participación...

o        Indirecto: deixar a vítima soa no patio, facer parellas ou grupos na clase sen contar con esa persoa...

 

Maltrato é ...

 

       Cando un rapaz ou rapaza se mete habitualmente con outro insultándoo, burlándose, poñéndolle alcumes.

 

       Cando un grupo de alumnos/as lles din aos demais que non falen con outro rapaz  ou rapaz para que non teña amizades.

 

       Cando nos cambios de clase, nos servizos, no autobús ... hai un neno/a que "tropeza" sempre co mesmo compañeiro/a, lle atranca o paso cunha perna, poñendo o brazo ...

 

       Cando alguén abusa da súa forza, e atemoriza a un/unha ou máis compañeiros/as, ameazándoos se non fan o que quere: darlle o bocadillo, facerlles os deberes, deixarllos copiar ...

 

       Cando un grupo de nenos/as espera premeditadamente na saída da escola a alguén para abusar del.

 

Maltrato non é ...

 

       Insultar ocasionalmente no medio dunha rifa.

 

       Estar un día enfadado/a cun amigo/a ou con varios.

 

       Tropezar sen querer e berrar: ¡Aparta!"

 

       Copiar nos exames, alterar as clases con intervencións inadecuadas ...

 

       Enfrontamentos entre dúas pandas nunha cidade, ou de dúas aldeas ou parroquias achegadas.

 

¿Como recoñecer ... se estás sendo unha persoa maltratada?

 

Es unha persoa maltratada se as mesmas persoas che fan algunhas destas cousas de xeito repetido:

 

       Insúltante ou búrlanse constantemente de ti.

 

       Falan mal de ti ou difunden rumores falsos sobre a túa persoa.

 

       Empúrrante, péganche ou ameázante fisicamente.

 

       Escóndenche, rómpenche ou róubanche cousas de forma continuada.

 

       Ignórante ou desprézante.

 

       Rexéitante en calquera circunstancia e por calquera motivo.

 

       Non te deixan participar nas actividades do grupo.

 

       Obrígante a facer cousas que non queres.

 

       Acósante sexualmente.

 

Pide axuda para afrontar esta situación e saír dela.

 

¿Como recoñecer ... se es ti a persoa que maltrata?

 

Debes darte conta axiña do que estás a facer e poñer os medios para cambiar as túas actitudes. As relacións interpersoais que establezas deben ter un carácter de igualdade.

 

Es unha persoa que maltrata cando con frecuencia:

 

       Insultas, falas mal e difundes rumores falsos dos teus compañeiros ou compañeiras.

 

       Te identificas con situacións de intimidación e violencia cara ás demais persoas.

 

       Estás meténdote de forma continuada cos teus compañeiros e compañeiras e actúas ordinariamente con violencia nas túas relacións cos demais.

 

       Molestas e incomodas a aquelas persoas que teñen algunha particularidade ou unha aparencia física diferenciada.

 

       Obrigas aos demais a facer cousas que non queren.

 

       Rexeitas ou non deixas participar a outras persoas en actividades do grupo.

 

       Gozas coa intimidación e co maltrato ás outras persoas.

 

       Acosas sexualmente.

 

As relacións cos iguais teñen que estar presididas polo respecto mutuo. Se es unha persoa que maltrata, tes que cambiar polo ben teu e polo ben dos demais.

 


¿Como recoñecer ... se es ti a persoa espectadora do maltrato?

 

Ti es unha persoa espectadora do maltrato cando, con frecuencia:

 

       Asistes a un acto de intimidación e non fas nada para evitalo.

 

       Non recoñeces que o que lle están facendo á vítima non está ben e pensas que ten merecido o que lle pasa.

 

       Tes medo a actuar na defensa da persoa maltratada. Cres que mentres se metan con ela non se meterán contigo.

 

       Incluso chegas a participar ou animar na situación de abuso con risas, xestos, ...

 

Se é así, colaboras indirectamente na situación de maltrato. Sé valente. Recoñece que es unha persoa espectadora e que non estar a actuar axeitadamente. Racha con esa situación e axuda.

 

Aprende a protexerte:

 

Debes esforzarte en aprender toda unha serie de habilidades e estratexias que che sirvan para relacionarte cos demais de forma non violenta.

               

Recomendacións a seguir:

 

Desenvolve habilidades sociais:

 

       Exprésalles os teus sentimentos e emocións ás túas amizades, familia, profesorado ou ás persoas da túa confianza.

 

       Mantén un bo nivel de comunicación cos demais.

 

       Analiza como se senten outras persoas cando están tristes ou teñen algún problema. Ponte no seu lugar.

 

       Colabora na resolución de conflitos.

 

Practica os valores positivos:

 

       Sé dialogante.

       Respecta as normas.

       Sé tolerante.

       Practica a solidariedade.

       Sé xusto na valoración dos feitos que observes.

 

Fomenta a auto protección:

 

       Afronta positivamente as situacións que che provocan unha certa tensión.

       Aprende a dicir que non canto esteas convencido da túa postura, así como a xustificar a túa opinión.

       Practica a convivencia pacífica.

 

Atrévete a denunciar o maltrato

 

Diferenza entre segredos bos e segredos malos

 

Hai segredos que non debemos gardar, son malos segredos, poden prexudicar a alguén.

 

Que é ser unha persoa "chivata"

 

Contar un segredo malo, como denunciar unha situación de maltrato oculto, non está a ser un "chivato". Ó maltratador/a interésalle que se manteña a "lei do silencio".

 

¿Que ocorre se alguén coñece un mal segredo e non llo conta a ninguén?

 

       Que a persoa maltratada non pode recibir axuda.

       Que está a ser cómplice dunha agresión.

       Que, como a persoa agresora ve que o seu maltrato queda impune, pode repetilo con máis compañeiros ou compañeiras.

 

Cando alguén se atreve a denunciar unha situación de maltrato oculto, a contarlle a algunha persoa adulta da súa confianza o que lle ocorre, non está a ser un "chivato":

 

       Está sendo moi valente e responsable, porque coa súa denuncia evita que se continúe a facer.

       Actúa con compañeirismo e defende os dereitos fundamentais das persoas.

       Axuda a mellorar a convivencia, porque as persoas adultas poden intervir para solucionar o maltrato.

       E beneficia á persoa que agride, porque está nunha situación prexudicial para ela mesma e necesita axuda para cambiar.

 

Por todas estas razóns, se es vítima dun maltrato ou tes algún compañeiro ou compañeira que o está a padecer NON O SILENCIES, non sexas cómplice. Non o ignores, ti podes axudar.

 

Habilidades de busca de axuda

 

É comprensible que teñas medo do que che poida ocorrer se denuncias un maltrato que estás a padecer ou que observas. Actúa con prudencia.

 

No caso de que ti sexas a vítima, non cargues con todo ese peso: fala, busca axuda, non sufras en silencio. Recoñece e expresa o que estás a sentir: teño medo, teño vergoña ...

 

Fuxe das situacións ou lugares onde habitualmente se produce o maltrato e non respondas ás agresións.

 

Podes falar primeiro con compañeiras/os que te entendan ben, sempre que teñas todas as garantías de confidencialidade, pero logo tes que falar cunha persoa adulta da túa confianza. Ela saberá o que hai que facer.

 

Se non te atreveses a falar ti directamente do que che pasa, busca a alguén que o poida facer por ti.

 

Se ti es a persoa que maltrata, debes saber que tes un grave problema e que precisas axuda. Búscaa nalgunha persoa adulta que cha poida proporcionar (profesorado, departamento de orientación ...). Ó mesmo tempo, ponte no lugar da persoa á que maltratas. Coa túa actitude podes ser unha persoa temida, pero non querida. Aprende a relaxarte.

 

Se ti es a persoa espectadora do maltrato e estimas que o caso é leve podes usar estas estratexias.

       Fala coa vítima e móstralle o teu apoio e comprensión.

       Comparte con outras espectadoras ou espectadores do maltrato estratexias de axuda á vítima.

       Fala coa persoa agresora e coméntalle que se está "pasando" e que sería bo que se puxera no lugar da vítima antes de continuar.

Se che parece que é un maltrato grave:

 

       Ten coidado, non te metas en pelexas.

       Fala, o antes que poidas, cunha persoa adulta.

       Apoia á vítima.

 

TRATA SEMPRE ÁS COMPAÑEIRAS E COMPAÑEIROS COMO CHE GUSTARÍA QUE TE TRATASEN A TI.

MALTRATO ENTRE IGUAIS: MATERIAL PARA O PROFESORADO

Neste artigo expoñemos un resumo do material elaborado pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

 

Maltrato entre iguais

(Programa de sensibilización sobre o   maltrato entre iguais)

 

(Resumo do programa elaborado pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia)

Material do profesorado

 

¿QUE É O MALTRATO ENTRE IGUAIS?

 

Características máis comúns do maltrato entre iguais:

 

      Unha conduta agresiva intencionada.

 

      Esa conduta é habitual, persistente e sistemática.

 

     Desequilibrio de forzas entre a vítima e a persoa que agride.

 

      Normalmente hai ausencia de provocación por parte da persoa agredida.

 

Maltrato é ...

 

      Cando un rapaz ou rapaza se mete habitualmente con outro insultándoo, burlándose, poñéndolle alcumes.

 

      Cando un grupo de alumnos/as lles din aos demais que non falen con outro rapaz  ou rapaz para que non teña amizades.

 

      Cando nos cambios de clase, nos servizos, no autobús ... hai un neno/a que "tropeza" sempre co mesmo compañeiro/a, lle atranca o paso cunha perna, poñendo o brazo ...

 

      Cando alguén abusa da súa forza, e atemoriza a un/unha ou máis compañeiros/as, ameazándoos se non fan o que quere: darlle o bocadillo, facerlles os deberes, deixarllos copiar ...

 

      Cando un grupo de nenos/as espera premeditadamente na saída da escola a alguén para abusar del.

 

Maltrato non é ...

 

      Insultar ocasionalmente no medio dunha rifa.

 

      Estar un día enfadado/a cun amigo/a ou con varios.

 

      Tropezar sen querer e berrar: ¡Aparta!"

       Copiar nos exames, alterar as clases con intervencións inadecuadas ...

 

      Enfrontamentos entre dúas pandas nunha cidade, ou de dúas aldeas ou parroquias achegadas.

 

Tipos máis comúns de maltrato:

 

      Físico:

o        Directo: empurróns, patadas, puñazos, agresións con obxectos ...

o        Indirecto: agachar cousas, cambiar de sitio, roubarlle cousas á vítima ..

 

       Verbal:

o        Directo: vocear, burlarse, insultar, poñer alcumes ...

o        Indirecto: falar mal ás súas costas, facer que oia de "casualidade", mensaxes ao móbil ...

 

         Relacional:

o        Directo: exclusión deliberada de actividades, impedir a súa participación...

o        Indirecto: deixar a vítima soa no patio, facer parellas ou grupos na clase sen contar con esa persoa...

 

Os catro vértices desta problemática

 

Son os seguintes:

 

       A persoa maltratada.

       A persoa que maltrata.

       Os compañeiros e compañeiras

       As persoas adultas.

 

A persoa maltratada:

 

Trazos de personalidade que adoitan ter as vítimas:

 

       Adoitan seren persoas psicoloxicamente débiles.

 

       Manifestan unha alta ansiedade e inseguridade.

 

       Posúen un carácter máis ben tímido.

 

       Teñen baixa autoestima.

 

       Non adoitan responder ás agresións, nin sequera de xeito verbal.

 

       Manifestan incapacidade para defenderse e teñen dificultade para solicitar axuda.

 

Características físicas que adoitan ter as vítimas:

 

       Poden ser en igual medida suxeitos de maltrato un rapaz ou unha rapaza.

 

       Case sempre son de menor fortaleza física que as persoas que agriden.

 

       Poden ter algunha particularidade (lentes, tartamudeo, obesidade, baixa estatura ..)

 

       Poden ter, así mesmo, unha aparencia diferente (pertencer a outra etnia, posuír outra cor de pel...)

 

Nas relacións sociais que establecen predominan estas particularidades:

 

       Son habitualmente suxeitos pouco aceptados polos demais.

 

       Non teñen verdadeiros amigos/as na clase e no colexio.

 

       Posúen pouco prestixio e escasa ascendencia no grupo.

 

       Adoitan ser as persoas menos populares da clase.

 

Unha vez xurdido o problema, a persoa maltratada pode presentar condutas tales como:

 

       Enfermidades, dolores e desculpas para non asistir ás clases.

 

       Problemas para durmir.

 

       Falta de apetito.

 

       Deterioración no rendemento escolar.

 

       Evitar saír ao patio de recreo ou andar por onde se produce con máis frecuencia o maltrato.

 

Hai vítimas que non se axustan a este modelo. Existe tamén a vítima activa e provocadora que, co seu comportamento, orixina tensións no contorno.

 

A persoa que maltrata:

 

Trazos de personalidade que adoitan ter:

 

       Manifestan un temperamento agresivo e impulsivo.

 

       Teñen unha forte necesidade de poder e dominio.

 

       Mostran con frecuencia problemas de autoestima.

 

       Os seus comportamentos manifestan falta de respecto polos demais.

 

       Carecen de empatía co que sente a vítima.

 

       Escaso control da ira e do enfado.

 

       Non manifestan sentimento de culpabilidade.

 

       Pouca conciencia moral sobre os seus actos.

 

       Dificultades para comunicar os seus sentimentos e afectos.

 

Características físicas que adoitan ter:

 

       Normalmente é do sexo masculino e adoita ter maior fortaleza que as vítimas.

 

Nas relacións sociais adoita:

 

       É extravertida.

 

       É sociable, pero excesivamente agresiva nas súas relacións.

 

       Goza de certa popularidade.

 

       Busca, regularmente, a complicidade doutras persoas.

 

       Ten dificultades de integración escolar.

 

       Establece relacións coas demais persoas baseadas no dominio, na superioridade e na prepotencia.

 

Os compañeiros e compañeiras:

 

Elementos antisociais:

 

       As persoas seguidoras.

       As persoas partidarias.

 

Elementos aparentemente neutrais:

 

       Observan a agresión, pero non fan nada.

 

Elementos prosociais:

 

       As posibles persoas defensoras.

       As persoas defensoras.

 

As persoas adultas:

 

       É necesario estar atentos. Non banalizar aquelas formas menos intensas de intimidación e maltrato.

 

       A maioría dos malos tratos deste tipo deben considerarse como un fenómeno de grupo.

 

       Tanto as vítimas como as persoas que maltratan mostran dificultades no seu desenvolvemento emocional.

 

       Unha parte dos casos supoñen actos de acoso sexual.

 

       Ademais das características sinaladas, hai outros factores que poden incidir neste tipo de condutas: contexto familiar, factores sociais e culturais, o ámbito escolar...

 

Os lugares máis frecuentes nos que se produce o maltrato:

 

       O patio de recreo.

       A propia aula.

       Os cambios de clase.

       Os aseos.

       O comedor escolar.

       Os exteriores do centro escolar.

       O camiño de ida e volta á casa.

 

As consecuencias do maltrato entre iguais:

 

Para a persoa maltratada:

 

       Imaxe negativa dun mesmo e baixa autoestima.

 

       Sentimentos de inseguridade, inferioridade e medo.

 

       Introversión, timidez e dificultade para as relacións interpersoais.

 

       Baixo rendemento escolar.

 

       Fobia á escola.

 

       Pode converterse nunha persoa que maltrate a outras persoas máis débiles.

       Ansiedade e problemas emocionais.

 

       En casos extremos, nas persoas de vitimización prolongada poden darse intentos de suicidio.

 

Para a persoa que maltrata:

 

       Baixo rendemento escolar.

 

       Provoca tensións na aula e no centro.

 

       Aprende a maltratar.

 

       Utiliza a intimidación como norma nas súas relacións.

 

       Utiliza a agresión como forma de recoñecemento social.

 

       Ten dificultades para sustentar relacións sociais entre iguais.

 

       Pode usar a agresividade noutras situacións.

 

       Pode ter dificultades na convivencia doméstica coa súa parella no futuro.

 

Para os compañeiros e compañeiras:

 

       Desensibilización cara á violencia entre iguais e ao sufrimento dos demais.

 

       Temor a seren, tamén vítimas, polo que buscan protección e intentan evitar situacións destas.

 

       Habitúanse a situacións de convivencia nas que a violencia e as formas de dominio/submisión rexen as relacións interpersoais.

 

       Aprenden a ser persoas colaboradoras pasivas nestas situacións, a non ser solidarias.

 

Como previr o maltrato:

O papel das persoas educadoras:

 

É necesario establecer canles de comunicación eficaces entre alumnado e profesorado, propiciar un clima de convivencia na clase ... en suma, a revisión constante da saúde socioafectiva do grupo.

 

Suxestións para axudar na prevención destas condutas:

 

       Fomentar unha boa relación interpersoal co alumnado.

 

       Actuación belixerante contra o maltrato.

 

       Intercambiar informacións co resto do profesorado.

 

       Formarse nesta temática do maltrato.

 

       Dotarse de recursos para traballar a diversidade na aula.

 

       Establecer protocolos conxuntos de actuación co resto do equipo educativo e no ámbito do centro.

 

Metodoloxía: a aprendizaxe cooperativa

 

Débense formar grupos na clase da forma máis heteroxénea posible. Pódense utilizar técnicas como os sociogramas para facelo.

 

Para abordar a temática do maltrato propóñense entre outras, as seguintes investigacións:

 

       Análise de casos de violencia entre rapazas e rapaces a través do que publican os medios durante un período de tempo.

 

       Perfís das persoas agresoras e agredidas nas noticias que se dan nos medios de comunicación.

 

       Estudo de situacións contrarias á convivencia.

 

       Propostas para mellorala e posibles medidas de corrección.

 

A educación emocional:

 

 É necesario educar na emoción e nos sentimentos. A intelixencia emocional refírese a habilidades como:

 

       Autocontrol.

 

       Sensibilidade para ter en conta os sentimentos dos demais.

 

       Autocoñecemento persoal.

 

       Establecemento de boas relacións interpersoais.

 

       Fomento de actitudes positivas e habilidades como saber escoitar, comunicar e interpretar os nosos sentimentos e os dos demais.

 

Traballo a prol da igualdade:

 

Na nosa sociedade hai varios colectivos especialmente vulnerables ao maltrato.

       as rapazas

       o alumnado con necesidades educativas especiais

       as minorías étnicas

 

Aspectos nos que hai que traballar para diminuír a desigualdade de xénero:

 

       Nos xogos e na utilización dos xoguetes.

       No uso dos espazos do centro.

       Nos refráns e chistes sexistas.

       No uso indebido do corpo da muller como obxecto na publicidade, na tv ...

       Na linguaxe: no uso do universal masculino e a invisibilidade das mulleres.

       No comportamento. Na expresión dos sentimentos.

       Na división sexual do traballo, especialmente na desvalorización do traballo doméstico.

       Nas expectativas profesionais.

       Nos proxectos de vida.

       No uso do tempo de ocio.

 

Habilidades na pescuda de axuda:

 

É importante a reflexión conxunta sobre esta temática do alumnado entre si, e do alumnado co profesorado.

 

Tamén é importante establecer no alumnado un nivel suficiente de autoestima.

 

Tamén hai que incidir na bondade do establecemento de redes de apoio.

 

Resulta interesante promover a figura da persoa mediadora.

 

O establecemento e o respecto das normas:

 

En educación é necesario o establecemento claro de límites. Deben participar tanto profesorado como alumnado no establecemento das normas.

 

Como detectar o maltrato

A técnica da observación:

 

       Uso de técnicas como o sociograma.

       Cuestionarios para o alumnado, profesorado e familias.

       Listas de revisión.

       Entrevistas persoais con diferentes alumnos e alumnas.

 

Compartir a información:

 

É importante a existencia de protocolos ou guías de actuación contra o maltrato entre iguais reflectidos nos documentos institucionais do centro.

 

Como actuar en caso de maltrato:

 

Ten que ser unha actuación conxunta.

 


 

No centro:

 

       Recollida no P.E.C. do centro de todos os aspectos relacionados co tema da convivencia.

 

       Introdución de temas de prevención da violencia nas programacións didácticas.

 

       A formación permanente do profesorado neste eido.

 

       Coordinación das intervencións educativas e sociais coas administracións competentes, así como as actuacións das familias no seu propio ámbito.

 

       Participación de todos os sectores da comunidade educativa na elaboración, aprobación e aplicación dos plans e proxectos de prevención.

 

       Organización de forma detallada da supervisión e vixilancia no centro docente.

 

       Establecemento de normas claras, consensuadas por toda a comunidade educativa, que sexan eficaces para regular a convivencia.

 

       Potenciación da acción titorial como un labor compartido.

 

       Elaboración dun protocolo de intervención que permita que todo o persoal do centro coñeza o procedemento.

 

Na aula:

 

O tratamento destes temas na aula deben incluír contidos conceptuais, de procedemento e de actitudes. Estratexias metodolóxicas e didácticas a aplicar:

 

       Fomentar unha boa relación interpersoal co alumnado.

 

       Actitude belixerante contra o maltrato.

 

       Intercambiar información co resto do profesorado.

 

       Formarse nesta temática.

 

       Dotarse de recursos para traballar a diversidade na aula.

 

       Dar un tratamento transversal aos tema de prevención da violencia e do maltrato entre iguais.

 

       Potenciar o desenvolvemento de habilidades individuais e sociais como estratexias que melloran as relacións.

 

       Axudar ao alumnado para que:

o        Atope solucións propias.

o        Analice cada unha das solucións.

o        Saiba relacionar as causas coas posibles solucións.

o        Se dea de conta de que un mesmo conflito pode ter máis dunha solución.

o        Valore as solucións adoptadas como xustas.

o        Colabore no establecemento de normas e regras.

         

       Adoptar, preferentemente, unha metodoloxía didáctica cooperativa e participativa.

 

       Potenciar a ensinanza de valores como a tolerancia, o respecto á diversidade, á diferenza de xénero e á dignidade humana.

 

       Procurar a participación do alumnado na resolución de cada conflito.

 

       Ter como obxectivo non só a resolución dun conflito concreto, senón a aprendizaxe da súa resolución.

 

       Propiciar momentos no horario para a realización de actividades que dean continuidade ao traballo de prevención.

 

       Non esperar que todos os conflitos se solucionen ben desde o principio.

 

       Manter unha actitude de escoita atenta e de compromiso coas situacións que se produzan.